luns, 19 de decembro de 2016

O Apalpador

Hoxe na nosa escola o Concello de Sanxenxo puxo a disposición das nenas e nenos unha actividade de recuperación das nosas tradicións populares. A visita do Apalpador ao centro. 
A tradición conta: O vello Apalpador (Apalpabarrigas), ou Pandegueiro como se lle chama en partes do oriente ourensán, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de nadal. Este xigante, de oficio carboeiro, baixaba das devesas e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.
Para tranquilizar aos rapaces, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais cantáballes: 

Vaite logo, meu meniño (miña meniña)
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

cachela=plancha furada para asar as castañas

mega=cesta para apañar castañas e outros froitos secos
cemba=parte elevada dunha montaña ou camiño

Para saber máis sobre as celebracións do nadal noutros lugares, os personaxes que traen agasallos aos nenos e a súas historias, preme na castaña máxica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario